Monday 06 de May de 2024

Todo listo para a VII Xuntanza Cabalar de Ardemil


Dará comezo mañá venres, 2 de xuño, cunha xornada marcada pola música en vivo e a gastronomía. O sábado non faltarán rutas, carreiras e probas, xantares populares, procesión, actividades infantís, música, festa e diversión

Como cada ano a música en directo e o touciño entrefebrado á brasa marcarán o inicio da que xa é a VII Xuntanza Cabalar de Ardemil. A cita será mañá venres, 3 de xuño, a partir das 20 horas e servirá para ir quecendo motores de cara ao día grande, que terá lugar o sábado. A xornada conta cun amplo programa de actividades onde os cabalos serán o eixe central das actividades e competicións previstas.

A partir das 10 horas iniciaranse as saídas en ruta cun percorrido de 18 quilómetros. Ás 11 horas será o momento para os concursos morfolóxicos de pura raza galega. Ás 11.30 e 12 horas terán lugar as carreiras de andadura federada serrada e chapeada respectivamente. As inscricións nas distintas probas deberán formalizarse antes das 11 horas do mesmo día da súa realización.
Os oficios relixiosos arrancarán ás 13 horas. Haberá misa con procesión na honra a Santo Antonio, na que se bendicirán os animais. Posteriormente un grupo de gaiteiros animará o momento cos seus sons tradicionais xusto antes do xantar, previsto para as 14 horas. Este ano o menú estará composto de lacón asado, patacas estufadas, sobremesas, viño, auga, refrescos, café e chupitos.

O programa de tarde arrancará ás 16 horas co concurso de barrís con 100 € en premios. Novamente haberá probas de andadura federada e de trote sucesivamente dende as 16.30 ata as 18.30 horas. Os premios roldarán os 300 € na súa totalidade. Ademais tamén haberá touro mecánico e para os máis pequenos paseos e rutas a cabalo completamente gratis.

A Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, organizadora da xuntanza, conta novamente coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha. Tamén participan: restaurante Avelino, servizos veterinarios e equinos Serveteq, Guardicionería Hermanos Gómez e a Federación Hípica Galega.